Thursday 02 de May de 2024

O Concello abre este venres o prazo de solicitude das axudas municipais para libros e material escolar


As bolsas van dirixidas as familias nedenses con rendas máis axustadas

O Concello de Neda convoca un ano máis as súas axudas para a adquisición de libros de texto e material didáctico complementario, destinadas ás familias con rendas máis axustadas da localidade, cuxos fillos/as cursen estudos de calquera nivel educativo, agás o universitario. Estas bolsas buscan compensar os gastos derivados do arranque do curso académico 2023-2024.

Así, poderán optar ás axudas municipais as familias nedenses cuxa renda per cápita non superase durante o pasado ano os 400 euros mensuais. Os menores para os que se piden as bolsas terán que estar matriculados en centros sostidos con fondos públicos, e poderán estar cursando educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional.

Segundo o establecido nas bases da convocatoria, a finalidade das axudas será a compra dos libros ou ben de material didáctico complementario, é dicir, material de papelería, mochilas e estoxos. E, evidentemente, as familias peticionarias non poderán ter recibido outra subvención pública para o mesmo concepto.

As bolsas van exclusivamente dirixidas a familias empadroadas no Concello de Neda, que estean ao corrente das obrigas tributarias municipais. Os Servizos Sociais do Concello serán os encargados do estudio e valoración das solicitudes, primando especialmente ás familias con menos ingresos e as que dispoñan de máis fillos ao cargo. Unha avaliación que determinará a distribución dos 3.000 euros do orzamento reservados a este fin.

O prazo para presentar no rexistro municipal as solicitudes e a documentación complementaria rematará o 15 de novembro.